Dinamización Lingüística

«Grazas por botar a lingua (galega) fóra este curso»

Parabéns a todo o alumnado por demostrar que se se quere, pódese!

O alumnado de 3º ESO B recolleu o 1º Premio Otero Pedrayo  este mes de marzo 2025.

O alumnado de 3º ESO B recolleu o 1º Premio Otero Pedrayo este mes de marzo 2025. / FDV

Tribuna | Kike Estévez* Profesor de Lingua e literatura galega no IES Alexandre Bóveda

Vigo

Hai quen di que non se pode, que non, que facer actividades complementarias co alumnado non vale para nada, que é unha perda de tempo, ou unha enleada para o profesorado, que non pode dar o seu temario en condicións, ou que bla, bla, bla… Pero, que sería da dinamización da nosa lingua nas escolas sen as actividades complementarias? Que nolo digan no IES Alexandre Bóveda de Coia, onde este curso 2024-2025 o alumnado botou a pacer a lingua con moitas actividades, e nas que o noso idioma foi o centro, o cerne, o miolo de todas elas. 

Como exemplo, o multipremiado Club de Regueifa do Bóveda, creado este ano por 2ª vez no centro, e que durante o curso participou nos dous certames de regueifas, no Provincial e no Municipal, acadando a 2ª e a 3ª posición respectivamente, e traendo dúas roscas de 3kg para o noso IES como premio, e un saco cheo de afouteza e valentía por cantar coplas improvisadas na nosa lingua nun auditorio cheo e diante de máis de 300 escolares. Ademais, para conmemorar as Letras Galegas 2025, desde o Club de Regueifa tamén se enviou a concurso un podcast titulado “Da peneira á eternidade”, no que se homenaxeaba ás Cantareiras, e co que acadaron o 1º premio do VII Certame de Podcasts “Xosé Mosquera Pérez, O vello dos Contos”. 

Kike Estévez Profesor de Lingua e literatura galega no IES Alexandre Bóveda.

Kike Estévez Profesor de Lingua e literatura galega no IES Alexandre Bóveda. / FDV

O único que fai falta é profesorado implicado, que vaia máis aló do currículo, e que propoña ao alumnado actividades creativas. Porque o agradecen. Porque 
o agradecemos

Por outro lado, outro elemento canalizador e divulgador da nosa lingua foi a Emisora do centro, O Son da Noca, desde a que ao longo do curso se fixeron arredor de 20 podcasts con diversas temáticas e formatos, como teatro radiofónico, programas sobre o río Lagares, sobre o Patrimonio de Coia, sobre música galega actual ou sobre seres mitolóxicos. De feito, outro podcast enviado a concurso, desta volta desde as aulas de 3º ESO de Proxecto Competencial, levou o Premio Anual Otero Pedrayo cun traballo de teatro radiofónico titulado “O borracho”. Velaí que a radio foi outra arma de construción masiva, coa que o alumnado traballou, entre outros aspectos, a oralidade, a memoria, a comprensión lectora ou a linguaxe radiofónica. 

E non só, pois tamén houbo tempo para a creación audiovisual na nosa lingua, como a videocreación poética combativa titulada Carballeira derramada, na que o alumnado de 3º ESO realizou un vídeo protesta para salvar a Carballeira da Barroca (Navia) que está en perigo de desaparición, e co que levaron o 1º Premio do I Certame de Microhistorias do Patrimonio Natural, organizado pola Consellería de Medio Ambiente.

E todo isto nun curso onde a nosa tradición oral foi o centro do traballo para a maior parte do alumnado, pois desde a 1ª avaliación se traballou na recollida de tradicións orais (contos, cantigas, refráns…) e fotografías antigas coas súas intrahistorias, que foron aloxadas na web “Ao carón da Noca, onde actualmente se poden consultar máis de 200 elementos entre audios, fotos e músicas. Ademais, o contacto interxeracional e a implicación co noso barrio de Coia foi outro punto forte deste curso, coas saídas ao Centro de Día Agarimo para cantarlles aos residentes en dúas datas senlleiras, no Nadal e nas Letras Galegas.

E ademais de todo isto, outra chea de actividades foron realizadas durante todo o curso para celebrar as datas marcadas coma o Samaín, o Nadal, o Día de Rosalía ou as Letras Galegas, e nas que o Equipo de Dinamización e o Departamento de Galego organizaron distintas propostas como recitais, concursos literarios, murais, actuacións…

Desde o IES Alexandre Bóveda demostramos que si se pode. Que se poden facer actividades na nosa lingua. Que favorecen o alumnado e o seu desenvolvemento persoal, tanto na expresión coma na eliminación de prexuízos cara ao noso idioma, tan presentes por desgrazas aínda nos noso días. O único que fai falta é profesorado implicado, que vaia máis aló do currículo, e que propoña ao alumnado actividades creativas. Porque o agradecen. Porque o agradecemos.

Vaian desde aquí e os noso parabéns a todo o alumnado e profesorado creativo e implicado do IES Alexandre Bóveda! E moitísimas grazas ao alumnado por botar a lingua (galega) fóra este curso, demostrando que se se quere, pódese. 

Tracking Pixel Contents