Educación en valores

Mochilas de empatía

O alumnado do CEIP Manuel Sieiro achegouse á realidade das persoas migrantes e refuxiadas mediante dinámicas adaptadas: «Se queremos formar persoas críticas e solidarias, hai que empezar desde as primeiras etapas»

O alumnado recreou un traxecto migratorio.

O alumnado recreou un traxecto migratorio.
 / Cedida

María Bueno

María Bueno

Vigo

Pode que aínda non coñezan palabras e conceptos como ‘refuxiado’, ‘migración’ ou ‘Convención de Xenebra’, pero si son quen de entender a dureza e o medo de ter que abandonar o fogar, separarse da familia, emprender unha viaxe perigosa ou sentir que, malia todo iso, es rexeitado ao chegar ao teu novo destino

Déixao claro o proxecto ‘Mochilas Pesadas’, do CEIP Manuel Sieiro de Crecente (Pontevedra), unha proposta educativa deseñada para achegar ao alumnado de Infantil a realidade das persoas migrantes e refuxiadas, fomentando a empatía e a educación en valores a través de metodoloxías vivenciais e adaptadas ao seu nivel.

«Todo o que aprendan a estas idades queda para o futuro», defende Carla Vinfeiro, titora de 4º e 5º de Infantil e impulsora do proxecto, para quen «non se lle dá á infancia o valor que ten». «Os nenos e nenas tamén son parte do mundo no que vivimos. Non os podemos meter nunha burbulla. Eles son quen de entender as inxustizas e teñen tamén dereito a voz», defende para concluír: «Por suposto, con contidos adaptados a cada idade, pero se queremos unha sociedade formada por persoas críticas, solidarias e conscientes dos dereitos humanos, hai que empezar desde as primeiras etapas». 

‘Mochilas Pesadas’ comezou coincidindo co Día da Paz. O punto de partida foi a observación do mundo: que está a acontecer? Por que hai persoas que teñen que marchar do seu país? Como se senten? As respostas chegaron a través de álbumes como Migrantes’, de Issa Watanabe, e curtas maxistrais como ‘Migrants’, onde uns osiños polares fuxen do Ártico polo cambio climático e atópanse cunha sociedade que os rexeita. 

«Esta curta gustoulles moitísimo. Pedíronnos vela varias veces. Dicían ‘pobriños’, dáballes moita pena. Preguntaban onde estaba a nai do osiño ou por que os osos pardos non os deixaban quedar alí se había espazo dabondo...», lembra Carla sobre unha proposta que non se limitou á teoría. O alumnado tamén recreou un traxecto migratorio: prepararon mochilas coas súas merendas e obxectos máis prezados, cruzaron obstáculos, foron «rexistrados» na fronteira e chegaron a un «campo de refuxiados» con tendas de campaña.  

«Cousas que parecen insignificantes como cando deixan de xogar ás guerras con pistolas ou un lle di a outro: `así non xogamos’, pero que van creando, moi pouquiño a pouquiño, esa conciencia»

«Este tipo de actividades simbólicas son unha forma doada de transmitirlles conceptos abstractos que, doutro xeito, en Infantil igual se lles escapan», valora a mestra, que destaca cambios no comportamento cotiá dos pequenos. «Cousas que parecen insignificantes como cando deixan de xogar ás guerras con pistolas ou un lle di a outro: `así non xogamos’, pero que van creando, moi pouquiño a pouquiño, esa conciencia», pon en valor para deixar claro que sen dúbida repetiría a experiencia: «A verdade é que quedei moi contenta, chamoulles a atención e agradecérona».

O Globo, unha ferramenta de transformación social

«A educación non pode ser allea ao que pasa no mundo, porque senón non é educación»

Eloi Fernández

— Coordinador do proxecto O Globo

A realización do proxecto ‘Mochilas Pesadas’ foi posible grazas a O Globo, unha ferramenta impulsada pola ONGD Solidariedade Internacional de Galicia que impulsa micro-experiencias de transformación social a través de diferentes liñas de acción como formacións para o profesorado. «Para nós, o traballo cos centros é fundamental. A educación non pode ser allea ao que pasa no mundo, porque senón non é educación», subliña Eloi Fernández, coordinador da iniciativa.

Un exemplo destacado é precisamente este proxecto desenvolvido pola docente Carla Vinfeiro, que de feito vén de ser protagonista no VII Encontro de O Globo, celebrado este venres en Santiago con máis dun centenar de participantes. 

Tracking Pixel Contents